1. REALIZAR UN DAFO EMOCIONAL
Tres membros do grupo coincidimos en que xa coñeciamos a análise DAFO, algún/algunha de nós xa fixeramos esta análise en cursos, Máster, ... non obstante, atopámonos divididos en canto á dificultade da tarefa. Para a metade do grupo, pareceunos relativamente fácil “clasificar” tanto os aspectos externos, positivos e negativos, como as nosas calidades. Para a outra metade, resultoulle algo complexa de facer posto que lles supuxo un traballo de introspección que non se fai habitualmente e, ademais, supón pórlles nome e etiquetas as “cousas” que nos definen e, novamente, percatámonos de que non sabemos expresar con exactitude o que somos.
Todos pensamos que se trata dunha ferramenta útil, especialmente si xorde unha situación na que teñas que tomar unha decisión moi importante como pode ser un cambio de rumbo profesional ou nunha situación persoal na que realmente precises establecer unha orde de prioridades ou resolver un problema e, deste xeito, analizar cales son os puntos fortes para potencialos e cales son os puntos febles para traballar neles e melloralos ou corrixilos ou se non, en todo caso, poder compensalos. Ademais, cremos que axuda o feito de poñer todas estas cuestións por escrito e mesmo a orde na que se colocan no cadro (aspectos positivos por un lado, negativos por outro, internos e externos…). Esta orde fai que sexa máis fácil “asimilar” esa información e facerse unha imaxe mental das cousas que tes a favor e en contra á hora de chegar á túa meta.
Para uns, con este DAFO non descubrimos nada novo sobre nós mesmos/as, pero para outras/os resultou beneficiosa que unha vez que paramos a pensar e reflexionar sobre nós, recoñecemos ou descubrimos datos nos que non repararamos antes ou mesmo pasamos por alto.
En canto a se podemos mellorar algunhas desas calidades todos/as coincidimos en que si, que somos conscientes e que estamos en proceso de mellorar aínda que algunha calidade vémola difícil de modificar estando tan arraigada en nós. Ademais, hai certos aspectos que non dependen de nós.
Parécenos unha actividade un pouco complicada para nenos/as de infantil ou primeiros cursos de primaria, xa que aínda non recoñecen ou identifican ben algúns conceptos que se traballan, en moitos casos por exemplo un neno di que ten unha habilidade porque a súa nai o di, é dicir, que dalgún xeito eles non son conscientes aínda propiamente e baséanse en “etiquetas” que imos poñendo os adultos, equivocadas en moitos casos. Si que se podería adaptar a idade facéndoa dun xeito máis simple ou dividido en fases, para que eles fosen recoñecendo aquelas cousas que máis lle gustan, describir por que e recoñecer a partires de aí as súas debilidades e fortalezas, e ao mesmo tempo ver que trabas hai externas a eles, traballando por exemplo as frustracións e entendendo que o mundo exterior as veces impide realizar tarefas ou obxectivos. Poderiamos facer, por exemplo, unha táboa, na que escribamos que cousas lle gustan e que cousas non lle gustan, que lle da medo e que non, que lle produce alegría e satisfacción e que lle produce rexeitamento. Dalgunha maneira, é como unha análise de sentires, pero aplicandoa a aspectos para nenas/os de infantil e de xeito moi simplificado.
Pola contra parécenos excelente de cara a secundaria, unha etapa na que os nenos viven as emocións e sentimentos dun xeito tan pasional e que lles axudaría a abrirse, recoñecer e expresarse.




No hay comentarios:
Publicar un comentario